Cerrar
logo_footer_nanube
 

Blog

Tendencias na hostelería 1

Cando se fala de tendencias, en calquera dos sectores económicos, deseguida saltan á palestra algúns dos conceptos imprescindibles no mundo actual: a sustentabilidade, tanto medioambiental como social ou económica; a dixitalización, como ferramenta de axuda para a automatización, coa intelixencia artificial escalando posicións; e o benestar, como promesa de saúde e lonxevidade.

Pero neste caso, de entre todas as tendencias que vemos circulando no noso entorno e asumindo que algunhas delas, como as xa mencionadas, constitúen un lugar común, gustaríanos seleccionar para este 2026 as tres tendencias coas que nos identificamos e que aínda non son tan comentadas.

Estas tres tendencias son:

-Simplificación e hibridación

-Creación de comunidade

-Ritualización

SIMPLIFICACIÓN E HIBRIDACIÓN

Baixo este título englobamos dúas tendencias que incluso poden aparentar ser contradictorias, pero que posúen un grande interese cando se manifestan xuntas, nunha tensión inestable desexosa de manter un equilibrio.

Por unha banda, observamos o auxe dos formatos simplificados, fáciles de entender, cunha operativa estudada e eficaz. Podemos estar falando dun negocio no que só se ofreza tortilla de patacas, nun máximo de tres modalidades, ou dous tipos de hamburguesas de carne, ou cinco variedades de café de especialidade con dous tipos de doces, etc. Ou pasando ao eido hoteleiro, un aloxamento que ofreza un espazo pensado unicamente para ir durmir ou un aloxamento enfocado a unha experiencia predefinida, como estancias de varios días en modalidade de retiro, con actividades de ioga e unha alimentación saudable.

Cando estes formatos se encontran ben definidos, a clientela capta facilmente o que se está ofrecendo, sabe o que agardar e identifica máis claramente os momentos en que lle pode interesar ou apetecer recorrer a este produto ou servizo.

Ademais, para a empresa, simplificar permite optimizar os procesos e os subministros, entender mellor onde está o valor engadido, facilitando a comunicación, e en xeral, mellorar o seu produto e servizo, conseguindo maior satisfacción para unha clientela coa que se fai o exercicio constante de reducir a distancia entre as expectativas e os resultados.

Por outra banda, a hibridación toma impulso e gaña terreo, xerando formatos de enorme interese. Estamos falando de hibridación cando un restaurante conta cun espazo físico ou dixital adicado a comercializar algúns dos seus produtos, por exemplo viños, de tal xeito que se misturan o eido da restauración e o do comercio. Ou cando un hotel organiza unha sesión festiva con postos de venda de produtos de artesanía e actividades lúdicas, hibridándose hostelería, comercio e ocio. Ou mesmo cando un comercio introduce nas súas instalacións unha cafetería e fai convivir o comercio coa hostelería.

As posibilidades de hibridación son infinitas e ligan con dous fenómenos que non podemos deixar de mencionar. As persoas buscan cada vez máis vivir experiencias inmersivas, que se separan da idea estricta de comprar ou consumir, ao mesmo tempo que valoran o sentido de pertenza que proporciona gozar do seu tempo neste tipo de contextos.

Desde esta perspectiva, resulta moi interesante analizar sectores diferentes entre si para crear hibridacións. E xa non só hostelería e comercio, unha das duplas en voga, senón atrevéndose a compoñer os cócteis máis diversos, sen límites nin regras.

Pero, como se compaxina a simplificación coa hibridación? Parecería que unha tendencia implica reducir e a outra ampliar, como se fosen incompatibles. Para nós a resposta está na “paquetización”, un concepto co que queremos aludir aos “packs”, dos que tanto se fala na lingua inglesa.

A clave reside, polo tanto, en crear paquetes de produtos simplificados que hibriden entre si. Poñamos un exemplo. Se a idea é hibridar a restauración, o comercio, o mundo da arte e o ocio, podemos crear un paquete ou pack de tres pratos inspirados en obras de arte para comer no restaurante, outro paquete para comercializar composto por dous viños de autoría con etiquetas personalizadas por artistas, e outro paquete que inclúa a experiencia de acudir ao restaurante a pintar un cadro mentras se degusta un pequeno menú. Cada un destes paquetes debe estar simplificado e optimizado, debe resultar facilmente entendible, e a través da suma de varios deles contribúese á creación dunha oferta híbrida coa que acompañar á clientela en máis e mellores momentos da súa vida.