Tendencias na hostelería 2
De entre todas as tendencias que vemos circulando no noso entorno e asumindo que algunhas delas constitúen un lugar común, gustaríanos seleccionar para este 2026 as tres tendencias coas que nos identificamos e que aínda non son tan comentadas.
Estas tres tendencias son:
-Simplificación e hibridación
-Creación de comunidade
-Ritualización
CREACIÓN DE COMUNIDADE
Non se aporta nada novo cando se promulga a importancia da creación de comunidade arredor dunha empresa, produto ou servizo, pero si se pode considerar máis novidosa a propensión actual desta tendencia a intensificarse ata as súas últimas consecuencias.
En efecto, non sería esaxerado afirmar que o público obxectivo dunha empresa, ou cada segmento do mesmo, debería ser entendido coma un club, poñendo o acento en definir axeitadamente que tipo de persoas se quere atraer a ese club e como facelo de forma xenuina.
A lectura sociolóxica parece clara. Ao pasarse do talante comunitario das sociedades tradicionais ao talante individualista das sociedades actuais, as persoas experimentan un vacío que as leva a cuestionarse o sentido da vida e a experimentar a perda do sentimento de pertenza a unha comunidade. Necesidades ambas que as empresas e marcas cunha maior abordaxe psicolóxica souberon ver de inmediato, despregando todo o seu universo creativo para procurar atendelas, de tal xeito que as persoas, antes profundamente vencelladas á aldea, ao clan ou á igrexa, atopen agora significado e refuxio nelas.
En concordancia con isto, o futuro parece conducir cara unha segmentación de mercados hiperdesenvolvida, na procura de nichos de mercado o máis compactos e homoxéneos posible, nos que a mensaxe da empresa se consolide como unha importante influencia e poida exercer de nexo de unión entre as persoas do grupo.
Asociadas ás comunidades aparecen as membresías, que así como cumpren o cometido de asegurar a pertenza a estas, permiten establecer as condicións que rixen as relacións a longo prazo entre as empresas e a súa clientela, axudando ademais a estas a obter fontes de ingresos recurrentes ao longo do tempo. Afondando nesta dirección, o futuro evolúe cara que estas compañías coas súas membresías se fagan cargo de roles anteriormente desenvolvidos en exclusiva por entidades de carácter socio-cultural.

