Cerrar
logo_footer_nanube
 

Blog

O proceso creativo de Nanube

En Nanube vimos de facer unha peza audiovisual, dividida en nove fragmentos que tamén se poden atopar por separado nas nosas redes sociais, para tentar plasmar dun xeito poético e metafórico as etapas do noso proceso creativo.

Comezamos pola inspiración, por esa parte do traballo máis íntima na que se require indagar dentro de cada quen. Inspírannos a natureza, a arte, a arquitectura e, en xeral, o amor en todas as súas expresións.

A continuación proseguimos coa investigación arredor do lugar ou de maneira máis xenérica do contexto que debe guiar a actuación. Sempre nos gusta coñecer, ir un pouco máis alá no estudo dos factores que interveñen, acudir á historia, á socioloxía, á psicoloxía… a eses campos do saber paralelos que nos poden axudar a ampliar as nosas miras.

O momento en que chegan as ideas recreámolo como se dunha picadura de serpe se tratase, tamén porque nos apetecía incorporar elementos da simboloxía tradicional galega, que aportasen outras capas de significado ao conxunto.

E non podemos esquecer que en todo o proceso creativo, é moi importante o traballo en equipo para concretar e desenvolver as ideas. Cremos na importancia das relacións humanas para conseguir os mellores resultados e pensamos que o proceso debe fluír coma un xogo, no que gocemos e no que atopemos sentido ao que facemos.

Cando todo está en marcha, sentímolo como ir a cabalo, emoción e técnica avanzando á par. E si, de novo botamos man dun símbolo: o cabalo branco, tan presente no noso imaxinario.

A partir daquí, a metáfora céntrase en recrear a definición do proceso construtivo, porque niso precisamente consiste un proxecto. Poñemos os alicerces e comezamos a envolver o tempo e o espazo. Creamos o dentro e o afora. Relacionámonos con eles a través do corpo. Ocupamos. Poeticamente falando, bailamos, tomando como referencia as danzas brancas galegas para marcar o compás.

Podes ver o vídeo completo no seguinte enlace: