Cerrar
logo_footer_nanube
 

Blog

O comercio físico na era dixital

Ante os innumerables peches presenciados nos últimos tempos, moito se ten falado da desaparición do comercio físico debido á presión exercida polo comercio dixital. E aínda que existen voces encontradas respecto a se atribuílo ao comercio dixital ou á crise económica, a evidencia demostra que a fisionomía das cidades galegas está cambiando e que se precisan novas estratexias para dar uso e dinamizar os innumerables locais que van quedando vacíos.

Malia este inquietante punto de partida, as previsións son optimistas e atrevémonos a asegurar que o comercio físico ten futuro e que incluso está gañando máis forza ca nunca. A día de hoxe, todas as grandes marcas que viñan operando tipicamente por internet, apostan pola apertura de espazos físicos para o seu crecemento, conscientes da importancia dos mesmos e da súa capacidade para xerar confianza e credibilidade.

Vencellado a isto, a realidade demostra que xa non se pode pensar en termos do comercio físico e dixital por separado, senón que ambos forman parte dunha mesma unidade. Por iso, cando se abre unha tenda, na maioría dos casos convén implementar unha estratexia de omnicanalidade, é dicir, optar simultaneamente polo formato físico e dixital como dúas caras dunha mesma moeda.

A clave consiste en sacarlle o máximo partido ás vantaxes que cada modelo ofrece, como por exemplo á cercanía da tenda física e á capacidade de chegar a consumidores dunha área xeográfica distante da tenda online, e en realizar unha transferencia de ferramentas dun eido a outro. As tendas físicas dispoñen do enorme potencial de incorporar tecnoloxías dixitais que faciliten a compra, e incluso de adentrarse na intelixencia artificial, e as tendas online, pola súa parte, de integrar formatos que as acheguen á presencialidade, como pode ser o “live shopping” ou compra en vivo (transmisións en directo por internet nas que se poden comprar os produtos que se mostran).

No fondo non se pode perder de vista que as persoas cada vez teñen unha menor predisposición a un formato ou outro e o que buscan é poder optar por cada un deles en función das súas preferencias en cada momento.

Derivado de todo isto, para conseguir aportar valor e sacar partido das súas fortalezas, o comercio físico na era dixital ten que afastarse do concepto de “almacén” para orientarse plenamente cara a prestación de servizos, como poden ser o asesoramento, a formación e a organización de eventos, de xeito que algúns servizos ata o de agora exclusivamente vencellados a sectores do luxo ou premium, extenderanse ao resto dos sectores.

Neste contexto, o interiorismo xoga un rol fundamental para potenciar a transformación do comercio, abrindo paso a novos conceptos e facilitando a adaptación dos espazos ás novas funcionalidades que se lles requiren.

Na imaxe mostrámosvos a idea de que nunha tenda de roupa, complementos e cosmética, as “cabinas-probadores” pasen a ocupar un lugar central. Pénsase en ofrecer un asesoramento individualizado de xeito que cando acuda a clientela, maioritariamente por cita, teña disponible un espazo propio con produto especialmente seleccionado para ela e cunha atención totalmente personalizada.

Estas cabinas móbiles poden desprazarse cando a organización de eventos ou de sesións de formación o requira, contándose cunhas gradas que compaxinan o seu uso de exposición do produto co de servir de asentos para as persoas que acudan a estes eventos.

A maiores neste espazo comercial disponse dunha zona totalmente privada á que se accede a través duns arcos para aqueles casos en que a atención á clientela require dunha maior discreción ou por exemplo, para cando se organicen sesións formativas ou eventos para grupos reducidos.