Nanube recibe o premio Manuel Beiras
Na súa décimosétima edición, Nanube recibe o Premio Manuel Beiras. Este galardón, convocado polo Concello e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, promove o uso de galego no ámbito empresarial, recoñecendo así o esforzo das empresas no proceso de normalización da lingua.
En palabras do xurado, a empresa “leva o galego dun xeito coherente a un ámbito onde aínda ten escasa presenza, e faino cun esforzo por coidar a calidade terminolóxica e o detalle, dende o seu dominio nas redes, onde optou xa pola visibilidade do .gal, ata a documentación interna e de xestión”.
A entrega do premio tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, no que para Nanube foi un día florido, un deses días en que a ilusión compensa as dificutades atopadas. Algo similar a cando despois de moito traballo aparentemente subterráneo, se está a piques de rematar un local e se comezan a ver os resultados, apreciándose que as cousas funcionan e teñen un sentido.
Unha agarimosa cerimonia na que se infundiron azos para o futuro, pero na que tamén houbo lugar para a memoria. Unha celebración arredor da lingua e arredor da figura de Manuel Beiras, relevante personalidade da nosa cidade vencellada ao mundo do comercio. Días floridos…