Cerrar
logo_footer_nanube
 

Blog

Nanube dálle vida ao novo local de Mardelia

Os mercados de abastos están captando a atención dun público que volve apostar polo artesanal, a cercanía e a calidade e que valora que nun mesmo espazo se xunten a oferta tradicional de sempre coa de novos formatos de negocio, potenciándose sinerxias creativas e modernizadoras.

Dentro desta dinámica, a remodelación dos locais de venta vóltase unha necesidade para satisfacer os cada vez máis altos requerimentos de calidade e servizo da clientela, así como para atraer a ese novo público que existe.

Neste contexto, nace Mardelia, unha empresa adicada á produción e venda de marisco herdeira dunha longa tradición, ao recoller o testigo de varias xeracións familiares adicándose ao mesmo oficio.

O cambio materialízase coa oportunidade de xuntar tres postos contiguos do mercado de abastos de Santiago de Compostela, nunha das dúas naves que actualmente se destina a peixes e mariscos. No novo local, situado a carón dunha das portas de entrada á nave, pártese da premisa de coidar ao máximo todos os detalles, dotando ao espazo de elementos diferenciadores, pero ao mesmo tempo creando un ambiente que á xente lle resulte familiar.

Por pertencer ao sector alimentario son elevadas as esixencias técnicas e normativas que rixen a intervención e que afectan a todas e cada unha das decisións do deseño: desde os pavimentos e revestimentos, ata o mostrador, a iluminación ou as instalacións técnicas, e que se suman, por outra banda, ás necesidades de aproveitamento e optimización propias dun local de 16 m2.

Pódense salientar a calidez que proporciona o uso da madeira natural, os sistemas de iluminación LED, tanto decorativos como técnicos, ou o impresionante mostrador de aceiro, dividido en tres zonas para cada tipo de produto: fresco, acuarios de marisco e delicatesen. Igualmente ten moito protagonismo a cetárea de crustáceos, un viveiro con capacidade para 2.000 litros de auga de mar.

En esencia, un local sinxelo e xovial que agardamos contribúa a reforzar o encanto do mercado de Santiago. Unha aposta coa que Mardelia nos fala de continuidade e de futuro, e na que con desenvoltura nos reciben cunha proba do mellor marisco do Salnés.