A hospitalidade nun grande hotel
Confesamos que sentimos fascinación pola hospitalidade. Por iso estamos constantemente reflexionando sobre os niveis de hospitalidade que vivimos nas nosas experiencias cotiás. E por iso tamén nos cuestionamos frecuentemente as estratexias do deseño que podemos poñer en marcha para potenciar esta calidade.
Somos da opinión de que non podemos agardar que un espazo consiga envolvernos por si so nunha atmosfera integramente hospitalaria. Calquera espazo sempre se encontra impregnado do carácter das persoas que o promoven. E se estas non desenvolven esta sensibilidade, incluso o espazo máis aparentemente acolledor se manifestará carente de amabilidade. Agora ben, cando un espazo acolledor está vencellado a un equipo humano xenuinamente hospitalario, a pegada emocional sobre as persoas que o visitan, viven ou gozan pode chegar a ser moi fonda e duradeira.
Os proxectos por excelencia nos que a hospitalidade goza dun maior protagonismo son os pertencentes ao eido da saúde (xa a palabra hospital nos remite directamente á palabra hospitalidade) e da hostelería, tipicamente os hoteis, os restaurantes, as cafeterías, os bares, etc. Pero verdadeiramente, como calidade presente en moitas das nosas interaccións no día a día, a hospitalidade entra en xogo en calquera tipo de proxecto, sexa este un comercio, unha oficina, unha vivenda ou un museo.
ESTRATEXIAS DE DESEÑO PARA O GRAN HOTEL LOS ABETOS
En todo caso, agora imos falar da hospitalidade para referirnos ao parámetro máis destacado que tivemos en conta á hora de intervir no vestíbulo dun dos grandes hoteis de Santiago de Compostela: o Gran Hotel Los Abetos.
Tratándose dunha zona de entrada e dunha zona de estar, quixemos potenciar que as persoas se visen atraídas a estar, a permanecer e a compartir o espazo. E para isto despregamos tres estratexias principais á hora de redeseñar os mobles tapizados sobre os que actuamos:
-Buscamos un resultado en consonancia coa propia estética do hotel, que en ningún caso supuxese un golpe na vista, senón unha solución que formase parte dun todo en armonía.
-Potenciamos a integración a través dunha paleta de cores na que se optase polas tonalidades máis vívidas das grandes obras pictóricas existentes no espazo, seleccionando a gama cálida do trío conformado polo area, o dourado e o marrón.
-Apostamos polos textís cunhas especificacións técnicas aptas para os espazos máis esixentes e cunha materialidade que evocase sensacións coñecidas arredor do agarimoso e do fogar.
Por outra banda, en ningún caso quixemos renunciar a compaxinar esta arela de hospitalidade coa elegancia e co encanto que caracteriza a un hotel cunhas instalacións destas características.

